O valor das ratificacións ao longo da era Mouriño

O significado do verbo ratificar segundo a Real Academia Galega na súa primeira acepción é: "Asegurar a verdade ou validez definitiva de [algo que non era totalmente seguro ou firme]". Carlos Mouriño ratificou onte no seu cargo de adestrador a Luis Enrique. As súas frases foron contundentes: "Nunca perdemos a confianza nel, polo tanto, temos a mesma que co inicio da tempada". "É fabuloso para nós contar cun adestrador así".

Todo viña por unhas declaracións do asturiano, insinuando a posibilidade do seu cese na rolda de prensa posterior á derrota fronte o Levante ("cando consideren que non son o indicado, darei un paso a un lado e animarei ao equipo dende fóra").

É imposible saber o que se cociña exactamente en Praza de España no oitavo ano da era Mouriño. O hermetismo é norma da casa, como en moitos clubes españois. Cando se anuncia algo, en moitas ocasións esas palabras lévaas o vento, incluso en cuestión de días. Podemos botar unha ollada ás hemerotecas para ver o que ocorreu en situacións de planificación deportiva parecidas a esta e de paso repasar a política do Celta neste aspecto, obviando os casos do filial como o de Pichi Lucas ou Fonsi Valverde.

O Mánager inglés
Trala súa chegada en xuño de 2006, Carlos Mouriño Atanes fixo unha primeira viaxe a Inglaterra para coñecer de primeira man o funcionamento dun grande europeo como o Arsenal. Naqueles días, os londinenses viñeran de perder a final da Champions contra o Barcelona, e o seu mánager dende 1996 era (segue séndoo na actualidade) Arsène Wenger. De todas formas, esta viaxe tiña un propósito de análise estrutural e de posibles métodos a aplicar no Celta, sen concretar eactamente nada sobre a figura do adestrador.

Será nunha posterior entrevista de Armando Álvarez para Faro de Vigo, en decembro de 2006, onde o mandatario celeste amose o seu desexo de contar cun técnico a moi longo prazo semellante aos mánagers da Premier League. Foi logo de ser interrogado sobre a posible renovación de Fernando Vázquez, o Míster xacando: "Respecto aos adestradores, fíchanse ano a ano. Non é algo que me guste. Eu son máis partidario dun sistema como o inglés e ter a confianza nun adestrador durante tres ou catro anos para construír un proxecto conxunto".  

Vázquez "con todas as súas consecuencias"
Unha serie de malos resultados dous meses despois puxo en cuestión a Fernando Vázquez. Pero alí estaba Carlos Mouriño para falar en nome do consello de administración en febreiro: "O consello decidiu ratificar con todas as súas consecuencias a Fernando Vázquez como adestrador ata o final da tempada dando por zanxado o tema e sen ningún tipo de discusión", podíamos ler.

En abril, o de Castrofeito sería substituído no seu cargo por Hristo Stoichkov a falta de nove xornadas por desputar. As explicacións do máximo accionista foron as seguintes: "aínda co risco de que se dixese que o presidente non cumprira coa palabra dada, tampouco se deran os resultados que a comprometeron". 

A "espantá" de Stoichkov
Stoichkov chegara como revulsivo anticipado, xa que era o adestrador pensado nun primeiro momento como substituto de Vázquez en verán ao remate da tempada 2005-06. Despois de non salvar ao equipo, continuoo no primeiro proxecto en Segunda do actual presidente. Tras sete xornadas erráticas, o estupor chegaba a Vigo coa dimisión por motivos persoais do búlgaro. Un esperpento que tentou disfrazar unha destitución pensada con tempo, como se lle escaparía a Ramón Martínez, o director deportivo, poucos días. O relevo foi asumido de inmediato por López Caro.

Con López Caro: "Non é cuestión dun adestrador ou doutro"
O técnico andaluz mandaría durante gran parte do resto da tempada. Era un equipo feito para ascender, mais non lograba achegarse aos primeiros postos. Mouriño saiu unha vez máis en defensa dun home cuestionado polos resultados. O 4 de marzo de 2007 dicía que a súa cabeza: "non corre perigo porque non é un problema dun xogador, nin dun directivo, nin de un adestrador ou outro. É un conxunto que está aí". Esa mesma fin de semana, o Celta perdía 1-0 en Xerez. López Caro foi cesado case inmediatamente.

"Apoiamos a Pepe Murcia a morte"
Tras varios técnicos fugaces, e tras probar con xente que pasara polo FC Barcelona ou o Madrid, o seguinte de longa duración foi o ex colchoneiro Pepe Murcia na 2008-09. Un traxecto o seu no que estivo preto de chegar a colocarse nos postos cabeceiros, pero que pouco a pouco foise desinflando entre mal xogo e escasos resultados. Neste caso, as verbas de ratificación sairían do propio director xeral do Celta, Antonio Chaves. O xerente dicía en Febreiro de 2009 o seguinte: "O club vaino apoiar a morte mentres sexa adestrador do Celta. Dentro de dez anos ou de un igual non pertence ao equipo e desexaríamoslle a maior sorte do mundo pero, dende que o fichamos, pensabamos que era polo maior número posible de anos". Non pasaron dez anos, tampouco un, nen sequera un mes. O seguinte encontro sería en Tenerife o 1 de marzo. A derrota por tres a cero forzou a saída de Murcia do Celta. Chegaba Eusebio.

Eusebio ratificación a fogo lento
O estilo do Celta pasou a ser máis combinativo, pero tamén máis lento, pouco convencido de si mesmo. O técnico vallisoletano non lograba dar coa tecla do éxito, pero no seu haber estaba a subida de moitos xogadores da canteira ao primeiro equipo, consolidando o modelo que permanece ata hoxe. Un ano e medio estivo sen que se lle renovase o contrato tras rematar a última tempada. Foi o único caso, ata agora, de continuidade ata o final. Pero si tivo ratificación, coma non. A única que foi consecuente. Aló por setembro de 2009 saía outra vez o presidente á palestra: "Eusebio non ten crédito por partidos. Nós non analizamos por un encontro,dous ou tres, se non un conxunto de cousas". Conxunto que lle valeu ao ex xogador celeste para rematar esa tempada. 

"A confianza en Paco Herrera é ilimitada"
Un novo adestrador chegou ao mando na tempada 2010-11. Paco Herrera convertiríase no míster máis lonxevo dos que tivo Mouriño. Foron dous anos e medio nos que meteu ao equipo en playoff e acadou o ansiado ascenso. Pero coa andaina en Primeira non remataba de carburar. Coqueteando co descenso dende facía varias xornadas, o vicepresidente Barros quixo botarlle un capote ao extremeño o 3 de febreiro de 2013: "Estamos convencidos de imos saír pronto de aí. A confianza en Paco Herrera é ilimitada".

Por se non bastase, o propio Mouriño quixo respaldar persoalmente ao técnico dez días despois: "Se non tivesemos confianza en Paco Herrera, teríamos tomado xa algunha decisión. Nós seguimos a confiar en Paco e neste grupo de xogadores". Nun dezaseis de febreiro, o Celta esnafrábase en Getafe. O técnico enteraríase por Faro de Vigo da súa destitución. Nesta ocasión, se cadra ao tratarse dun técnico especial, a posible homenaxe de despedida sería esa doble ratificación previa. 

Caso Abel Resino: "queda prácticamente pechada a estrutura deportiva do primeiro equipo para a tempada 2013-14"
Abel, contra todo prognóstico, acadaría a salvación do Celta nunha agónica última xornada. Logo das celebracións, o club sacou un comunicado no que admitía implícitamente, a continuidade de Resino no banco, cumprindo o así o ano que lle restaba de contrato. O contrato tamén servía para ratificar a Miguel Torrecilla como director deportivo. Dous días, literalmente, durou o toledano, xa que o Celta apresurouse en anunciar a contratación por sorpresa de Luis Enrique. O argumento foron as discrepancias no número de fichaxes a realizar.

Van nove xornadas de liga con Luis Enrique ao mando. Hai dúbidas e o equipo ocupa postos de descenso ¿Servirá de algo a ratificación desta semana? ¿poderíase ampliar este artigo no futuro? Todo é posible. Quen se cadra describiu mellor o ambiente de traballo na Madroa foi Fonsi Valverde. Nunha carta ao Faro de Vigo, que saiu na edición impresa con motivo da destitución de Herrera, o ex técnico do filial describía a sensación de medo que sobrevoaba todos os días nos adestramentos. O pavor ante unha posible visita de estamentos superiores do club e as súas consecuencias. Ante iso, e vistos os precedentes, poucas ratificacións ante a prensa valen.

BLOG COMMENTS POWERED BY DISQUS

Radiogoles

Más noticias

Así sonó el golazo de Iago Aspas (0-2) que sirvió para poner tierra de por medio en el Benito Villamarín a los del 'Chacho' Coudet. Por orden de...

Así se narró la victoria del Celta en el último partido del año ante el Espanyol en las voces de José Riveiro (Radio MARCA), Roberto Carlos Carballo...

Así sonó en las radios la importante victoria bajo la nieve del Celta en Mendizorroza con los goles de Santi Mina y Iago Aspas. Las voces, por orden de...

Una remontada épica en las voces de, por orden de aparición, Roberto Carlos Carballo (Radio Galega), Raúl Fuentes (Radio MARCA), Rubén Martín...

Así se vivió la contundente victoria del Celta ante el Getafe en las voces de, por orden de aparición, Roberto Carlos Carballo (Radio Galega),...

Así se vivió la agónica victoria del Celta en el minuto 95 ante el Granada en las voces de, por orden de aparición, Jose Riveiro (Radio MARCA),...