Cara e cruz con Jozabed

Con Hernández fóra da lista por unha elongación, Unzué tivo que tirar de Jozabed para selar o medio campo en Anoeta. E ben que sufriu o andaluz, exposto ao corpo a corpo cunha medular donostiarra que irmandaba físico e dominio da posesión. Porén, era necesario o seu concurso, pois aquel que fora un achado de Miñambres era o único futbolista san con capacidade para a organización ofensiva. É certo que Lobotka ten talento para a saída elaborada, mais unha cousa é levar o xogo alén da liña divisoria, e outra ben distinta conseguir que cada integrante do equipo acade a posición indicada no intre xusto. A mesma consideración penaliza a Radoja.

Malia a importancia que podía ter coma organizador, Jozabed amosou problemas á hora de realizar coberturas en banda e tamén co traballo en parcelas interiores. De natureza máis ben ofensiva, o ex do Fulham adoita a salientar preto da área rival pola visión, a sinxeleza para combinar en décimas de segundo e a chegada en segunda liña, singularidades que levou á excelencia no Raio Vallecano. Afeito a comparecer por diante dunha parella de medios –en pretempada era o verso libre por diante de Radoja e Wass–, o sevillano tivo que afastarse da portería obxectivo para compensar o déficit organizativo do plantel, coa consigna de garantir que os seus estarán en disposición de conservar e recobrar a posesión.

Resulta evidente que tal ubicación reduce as prestacións de Jozabed. Con todo, apareceu coma un contrapunto interesante para o flanco esquerdo composto por Jonny e Sisto, a quenes outorga a necesaria pausa e asistencias ao espazo; asemade é un socio ideal para Aspas durante as transicións ofensivas, de xeito que o moañés ten liberdade para atacar as costas da defensa mercé ao seu curto tempo de reacción. Nun contexto en que o Celta obtén rédito dun xogo práctico e ata conservador, Jozabed habilita ataques máis rápidos e máis certeros que calquera outra alternativa a disposición de Unzué.

Perante a Real Sociedade este xogador pagou o sobreesforzo inicial e o pobre rendimento defensivo da banda á que tiña que auxiliar, lonxe da seguridade que amosaron Mallo e Wass no costado oposto. Así e todo, a adopción do dobre pivote dificulta a continuidade de Jozabed en beneficio de Hernández, confortable nun rol defensivo con percorrido. As oportunidades poderán chegar en citas nas que Unzué precisa maior velocidade de decisión para sortear a presión alta do rival, e máxime con rivais incapaces de discutir a posesión.

Non é a mellor demarcación para Jozabed, pero é onde o Celta precisa del. Finalmente Unzué acadou o equilibrio entre estilo e eficacia que tanto se lle demandaba ao Celta, o que sitúa ao aínda xove centrocampista coma suplente habitual. Nun tempo en que o inmediato é adaptar a Mazan, será complicado que apareza algunha modificación táctica que favoreza a Jozabed, salvando solucións ocasionais como foi a presión intensa practicada ao comezo do asalto a Donostia. Por iso é necesario comprender o que el pode –e non pode– ofertar a un grupo  reducido.

BLOG COMMENTS POWERED BY DISQUS