Aspas na ecuación de Unzué

Quen diría hai seis meses que Iago Aspas sería o protagonista do debate de moda entre a afección viguesa neste comezo ligueiro. Co deste pasado domingo van seis partidos nos que o máximo artilleiro español da pasada campaña aínda non viu porta. Mais tamén o rendimento do 10 celeste non está a ser o que nos acostumou a pasada tempada, intercalando fases de creación e inspiración absoluta con outras nas que o moañés amósase errático e acelerado de máis para o xogo celeste. Por mor do baixón na produción ofensiva de Aspas, hai quen sinala o troco de posición sufrido con Unzué: pasou a ocupar a demarcación de extremo dereito no canto do seu habitual rol como punta de lanza do ataque celeste baixo as ordes de Eduardo Berizzo.

Na mudanza do moañés cara unha posición menos centrada entra en xogo un factor decisivo para comprender esta situación. Como imaxina, estou a falar de Maxi Gómez. O corpulento ariete chegou da quinta provincia como un descoñecido e, lesión de Guidetti mediante, asaltou o posto favorito de Iago a base de goles. Mais non só os cinco tantos anotados polo uruguaio son os que complican o retorno de Iago ó centro da dianteira viguesa, senón tamén a efectividade demostrada polo novo dianteiro nestes seis primeiros encontros. Maxi non soamente está a ser o home gol do Celta nestes primeiros intres do campionato, é amais o que máis rédito está a sacar das, por outra banda, limitadas ocasións das que dispuxo.

O fútbol é un deporte escravo do gol e, para ben ou para mal, sentar ao activo que actualmente mellor relación ten con este nunca é unha solución viable. Ora ben, unha das cousas que deixaron os últimos meses de Berizzo no Celta foi que Aspas pode seguir sendo Aspas sen actuar coma o centro dianteiro do equipo. Nin sequera hai que remontarse moito no tempo para atopar unha versión recoñecible de Iago, apenas hai que retrotraerse un par de semanas, e ollar de novo o choque perante o Deportivo Alavés para volver a ver a ese ‘todocampista’ que rompe, desborda, crea, desquicia ao seu par e mellora cada xogada que pasa polas súas botas.

Porén, non todo é tan sinxelo. Aquel día deixo taménu a un gran Wass e precisamente o 18 celeste xoga un papel capital nesta ecuación. A tripla formada polo dinamarqués, Aspas e Mallo e os intercambios na talentosa tríade permiten que o moañés irrompa polo carril central e despregue o seu mellor fútbol. Non é casualidade que o mellor Aspas coincidirá co mellor Wass e viceversa.

Esta alternancia de posición pódese replicar tamén con Maxi Gómez na punta, como se puido observar no partido de pretempada fronte á AS Roma. Porque, de falarmos de que o mellor Aspas aparece cando actúa polo corredor central, é asemade certo que como dianteiro tiña certa tendencia de seu a caer ao flanco dereito e deixando un baleiro que daquela ocupaba Orellana. Se o dianteiro uruguaio fora quen de facer este axuste no seu xogo, algo interesante pois o ex de Defensor Sporting non ten mal pé para os centros, o ataque do Celta deviría nunha versión máis rica, con Aspas en zonas axeitadas para o remate e a obrigada combinación con Sisto.

BLOG COMMENTS POWERED BY DISQUS