O terzo vello do Celta

A recente vitoria perante o Alavés, a primeira do curso 17/18, deixou na parroquia celeste unha doce sensación de alivio polo presente, e confianza no futuro. Maxi Gómez chegou da quinta provincia para tomar Europa por asalto, confirmando que, amais dun excelso rematador, comprende as regras espaciais deste deporte tan rico. Outro desta nova colleita, Stan Lobotka, fixo seu o partido coma quen leva unha década mandando na Liga. Os focos ficaron nos máis xoves, merecidamente, agochando en parte a boa nova que é para o Celta o rendimento ascendente do terzo vello.

Son herdeiros dun cento de batallas. Para Daniel Wass é literal: cen encontros coa cruz de Santiago no peito. Os outros dous, Hugo Mallo e Iago Aspas, levan a celeste dende o berce e medraron nos tempos escuros do clube. Hogano conforman unha sociedade representativa do que é o Celta, unha sociedade nobre, solidaria e denodada. Xuntos dominan o costado dereito do campo, mantendo a fronte cando tremen os compañeiros e castigando ao contrario cun ataque sostido e cruento.

A importancia desta terna abrangue tarefas defensivas e ofensivas. O dinamarqués é o cerne da presión, o home que lidera a carga para logo restaurar a orde en medio campo, mudando de rol segundo esixe a confrontación. O de Marín encarna o senso táctico, a escolla oportuna entre manter a posición ou procurar un movemento alén do seu par. O de Moaña irmanda pulo e xenialidade para dobregar até o máis decidido dos opoñentes. Con mobilidade, percorrido e as consignas do adestrador, estes tres veteráns son os encargados de dividir, de desorganizar as marcas; de posibilitar, en definitiva, que o agresivo xogo dos vigueses atope camiños ao gol.   

Ao intercambiaren posicións xeran un flanco robusto ao tempo que profundo. Na ofensiva, Wass acelera e desprégase para que Aspas poida actuar con liberdade xerando vantaxes locais. Mallo realiza a cobertura, gardando as costas ou proxectándose cando xorde o oco. Desde xeito, nesta terceira xornada de Liga xeraron dous terzos das ocasións do Celta, con dezaséis centros á área e sete disparos entre os tres. Unha aportación superior que, malia non dar transformado en gol polo infortunio de Iago, achantou ao Alavés e non precisou de trocos nos noventa minutos.

O terzo vello é unha garantía para Unzué, pois o navarro conta coa autoridade de Mallo, a versatilidade de Wass e a imaxinación de Aspas. Encol destas pezas é quen de edificar un conxunto que precisa de tempo e traballo cos máis novos, que en cada unha das liñas conta cun valor seguro, e que pode funcionar de xeito autónomo nos peores escenarios. O actual técnico débelle moito a Eduardo Berizzo, creador desta unidade, mais tamén merece crédito pola integración colectiva de novos e decisivos actores. E de seguro, cavilando acerca da proxección do resto de figurantes, o mellor está por vir.

BLOG COMMENTS POWERED BY DISQUS