Jozabed, verso libre no ideario de Unzué

Jozabed Sánchez será sempre un achado de Felipe Miñambres. Foi o actual director deportivo celeste quen levou ao rapaz a Primeira División, convencido polo singular repertorio deste atacante formado no Sevilla e curtido en Ponferradina e Jaén. Jozabed tardou en salientar, mais baixo a guía de Paco Jémez revelou habilidades connaturais para o deporte rei, erguéndose coma un especialista da combinación e a xeración de oportunidades. É o seu un talento escaso, polo que a contratación definitiva é unha excelente nova para o Celta. Con todo, o troco de adestrador podería penalizar a súa aportación.

De Berizzo a Unzué haberá reforma, mais non revolución. A escolla responde ao interese da directiva por manter un estilo protagonista, vencellado ao sentir dos siareiros e á natureza dos futbolistas propios. Así pois, a adquisición de Jozabed referenda devandito interese e mailo querer do plantel, identificado de cheo co xeito en que entende o xogo. Malia a propensión de clube e compañeiros, o ex do Fulham terá que realizar un esforzo por adaptarse á disposición que pretende o técnico en funcións, baseada no papel dos interiores.

A idea é contar cun pivote de contención, responsábel de conseguir unha saída depurada e manter a orde táctica, escoltado por dous mediocampistas mixtos. As tarefas desta dupla son complementarias: mentres un xera vantaxes locais coa pelota, o outro aproveita os espazos xerados pola concentración de defensores no outro costado. Isto implica un gran percorrido sen balón e o reparto do esforzo defensivo. Son condicións hostís para Jozabed, afeito a ser protagonista, a sobar o coiro, a ter un impacto decisivo nas distintas fases da ofensiva ao tempo que evita o corpo a corpo. A alternancia entre os interiores vai en detrimento das virtudes de Jozabed.

Secasí, Unzué xa tivo que arrostrar unha situación semellante no banco do Barça, en especial trala aposta de Luis Enrique por un medio campo asimétrico e proclive ao contragolpe. Optar por esta fórmula, como fixera Berizzo pola falla dun mediapunta específico, ten riscos e beneficios. Por unha banda, fai ao equipo previsíbel, ao contar cun flanco máis ofensivo e outro máis aplicado na defensa. Pola outra banda, a asimetría altera a disposición do rival, proporcionando espazos. En calquera caso, Jozabed tería que acostumarse a ser decisivo tamén sen balón, rol no que terá unha dura competencia en Hernández e Wass. Namentres, Miñambres explora alomenos unha incorporación contando coa saída de Álex López.

BLOG COMMENTS POWERED BY DISQUS
 

Videos

Más Vídeos
Watch the video

Multimedia

Más noticias

El Celta entrenó esta tarde en Old Trafford antes del histórico partido de mañana. Te traemos las mejores imágenes de la mano de Miguel Riopa (GETTY...

Cantera

Más noticias