Mariscais de Chile

É tempo de lecer para moitos en Vigo, mais non para os internacionais chilenos. Pablo Hernández e Marcelo Díaz estarán este domingo na final da Confederacións, logo de dirixir a Chile con mestría dende o comezo do torneo. Malia non acadar as expectativas durante a campaña co Celta, ámbolos están en gran condición física, gozando cun combinado nacional veterán. Os homes de Pizzi sacan o mellor de Díaz e Hernández, do mesmo xeito que eles sacan o mellor da selección transandina. Dende o comezo da xogada até o intre do remate, o balón pasa polos pés desta singular dupla, parella indisociábel no centro do campo.

A sociedade ten o seu aquel. Os dous irmandan características que todo adestrador querería pór no campo, como son o criterio táctico e a intensidade. Xuntos comparten a responsabilidade de levar o coiro polo campo adiante, manellando a cadencia do encontro, osixenando as zonas afogadas pola presión e habilitando ao compañeiro mellor situado. Crean superioridade cos movementos, arrastran ás marcaxes, limpan liñas de pase. Tucu Hernández ten envergadura e percorrido, o que lle permite dominar de área a área, mentres que Chelo Díaz ten ollo para resolver os atrancos. Mesturan ben porque teñen a mesma concepción de xogo paseniño, cerebral e oportuno.

A cuestión é que, hogano, un é fundamental no Celta e o outro non. Marcelo Díaz non da recobrado unha forma óptima, o que lle impide acotío participar das grandes citas. Amais, precisa, pola febleza de seu, dunha compaña axeitada na medular, o que condiciona a composición do equipo. É o do Chelo un perfil escaso, específico, que ás veces semella impagábel pola seguridade con que trata o esférico. Secasí, a descontinuidade limita moito o seu rendemento, provocando un descenso dramático na aportación defensiva e o acerto dos envíos, un risco enorme en tal demarcación.

É todo un dilema. Se, como estamos a observar na Confederacións, Díaz é quen de mellorar anímica e fisicamente, está en situación de comandar calquera escadra. Pola contra, se novamente non acada a fortaleza necesaria, estaría a comprometer unha posición delicada como poucas, e máis co clube e o adestrador convencidos de que o mellor é un plantel curto. Quizais o factor decisivo sexa a dificultade de atopar futbolistas semellantes. Dende logo, o referente dunha das mellores seleccións do momento non sería doado de substituír.

BLOG COMMENTS POWERED BY DISQUS